Cóntoche Ourense?

As pedras que levantan esta cidade están ateigadas de historias oficiais, memoria popular, arte, bo gusto, lendas, persoaxes particulares… Este roteiro de dúas horas é ideal para coñecer a esencia ourensá e ler a cidade con outra ollada

2 horas

San Francisco, cidade dos mortos

No século XIX unha Real Orden motiva a construción dun novo camposanto ás aforas da cidade, nace así o noso Cemiterio de San Francisco. Labirinto de sepulturas que encanta non só polo coidado deseño de moitos dos seus mausoleus, senón que tamén por ser o lugar onde descansa a memoria de grandes artistas, políticos, familias destacadas e outras/os ourensanas/os destacados dos últimos 200 anos de historia da cidade.

2 horas

Contos de biosbardos

Este roteiro rescata a memoria do Ourense de principios de século XX interpretada nas novelas de E.Blanco Amor; La Catedral y El Niño, Os Biosbardos, A Esmorga e Xente ao Lonxe. Unha visión provocadora dende a diversidade social, política e afectiva.

2 horas


A grande descoñecida (roteiro monográfico á catedral de Ourense)

Dende o s.XII a Catedral de San Martiño domina e protexe á cidade medieval de Ourense. Fortaleza e sólido muro de pedra no seu exterior, explosión de arte románica, gótica, renacentista e barroca no seu interior. Monumento transbordante de significados, refuxio de paz e devoción.

3 horas

Legado franciscano (o claustro de san Francisco de Ourense)

Cecais foron os franciscanos os monxes máis apreciados pola sociedade ourensá dende a Idade Media. A visita ao claustro gótico do antigo mosteiro é unha viaxe ao imaxinario medieval esculpido nas súas pedras; dragóns, centauros, arpías, sereas, guerreiros, danzantes, flora local, monxes, evanxelistas… Neste roteiro ofrécese unha interpretación dos significados evocados por estas figuras.

2 horas

Este roteiro inclúe a visita á Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé

A 5 kilómetros do centro urbán de Ourense atópase un dos paraísos rurais que rodea a cidade, a aldea de SanTomé. Dende este lugar apréciase unha fermosa vista da cidade, especialmente no solpor. O asentamento arqueolóxico permite un interesante paseo polo poboado castrexo e a vila rural romana. Xacemento conservado entre árbores e flora autóctona, co río Loña escavando un fundo cañón pola ladeira sur.

1, 2, 3 horas

Este roteiro pode adaptarse a diferentes duracións segundo o interese do visitante, pode incluir tamén roteiro de sendeirismo de dificultade baixa.

A Atenas galega (Ourense modernista e xeración “Nós”

Co cambio do século XIX ao XX a vella cidade racha cas súas lindes medievais e acolle a chegada do progreso e o modernismo. As principais familias do momento queren vivir en casas que sexan reflexo da prosperidade dos novos tempos, transformando o urbanismo da cidade a través de novas prazas, negocios e fermosos edificios de coidado deseño. A mocidade intelectual recupera o amor á terra e xúntanse na creación do grupo “Nós”, cultivando a lingua, a historia, a etnografía, a arqueoloxía, a política… Dende a arquitectura e o pensamento cocíñase un dos legados históricos máis importantes desta cidade, daquelas coñecida como “A Atenas Galega”

2 horas

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema o enlace para maior información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies